Archive for maio, 2008
A comarca da Coruña de Galiza Nova, dentro da campaña de lingua que estamos levando a cabo, organizou en Culleredo a proxección do documental "Linguas Cruzadas", hoxe, 23 de Maio en Vila Melania.
O documental recolle diferentes testemuños sobre a situación lingüística da Galiza, amosando diferentes puntos de vista que farán reflexionar a todo o que o vexa.
A todos aqueles que non o puidestes ver, podedes ter acceso a el aquí.
Galiza Nova, única formación que defende a lingua galega.
1 Comment Published maio 20th, 2008 in Novas
Co gallo da celebración do día das letras, o diario GZNación.com convocou a Iria Aboi, Secretaria Xeral de Galiza Nova, Loli Rodríguez Amoroso, Secretaria Xeral de Xuventudes Socialistas e a María Seoane, Presidenta de Novas Xeracións, para falar sobre a situación da lingua galega.
No transcurso do debate podemos ver a postura xa habitual de outras formacións: ben a tibieza das Xuventudes Socialistas, que amosa Loli Rodríguez Amoroso, ben as declaracións ambiguas e cuase-simpatizantes de movementos tan repulsivos como GalizaBilingüe e similares, aos que xa nos ten acostumados Novas Xeracións e María Seoane.
Porén, o realmente sorprendente das declaracións de ambas as dúas representantes e o total e absoluto descoñecemento da situación real da lingua, e para mostra unha frase: "Creo que o galego non está en crise". Esta frase, primeira do debate, destaca pola súa irrealidade, e pola profunda ignorancia da persoa que as efectúa, xa que só á ignorancia podemos (e queremos) adscribir tal declaración.
Así, só Galiza Nova e Iria Aboi amosaron unha actitude decidida e sincera a prol da defensa da lingua galega perante as imposicións dos elementos castelanizadores que actúan en todos os ámbitos da sociedade. Só Galiza Nova ten un discurso coherente con respecto ao conflito lingüístico, que contrasta enormemente co discurso das outras formacións.
Desde Galiza Nova Culleredo queremos mandar unha mensaxe ás Xuventudes Socialistas e ás Novas Xeracións:
Sacade a careta!
Loli, di que o galego dache igual, que non tendes unha postura definida e coherente e que a defensa da lingua galega non está dentro dos vosos obxectivos, pois esa é a verdade.
María, di que a vosa postura díante do conflito lingüístico é a da negación ou a do fomento do castelán, di que sodes unha organización con principios de esquizofrenia, pois facedes que os vosos (poucos) membros galegofalantes apoien o castelán, e, por último, di que apoiades a erradicación do galego como fai Galicia Bilingüe, pois esa é a verdade.
Podedes ter acceso ao debate aquí.

EN GALEGO. TEMOS DEREITO!!!
Un ano máis chega o día das Letras Galegas e moitas institucións, medios de comunicación e mesmo a nível social, económico, político e cultural e moitos e moitas lembran que en Galiza existe unha lingua propia e deciden adicarlle un espazo, tratándoa coma unha reliquia que non merece máis ca unha mención nese día nos medios de comunicación ou noutros ámbitos de onde fica totalmente ausente o resto do ano.
Que pasa coas lectoras e lectores galegofalantes que temos dereito á información na lingua de noso? Que pasa cando queremos estudar en galego? Que pasa cando queremos ver cinema en galego? Que pasa cando uns pais queren educar ás súas fillas e fillos na lingua propia? Que pasa cando calquera de nós quere dirixirse na nosa lingua á administración galega ou estatal con sede en Galiza?
Estas preguntas son o exemplo de que a día de hoxe vivimos nun país no que non se garante o dereito a poder desenvolver a nosa vida integramente e con naturalidade en galego. A raquítica lexislación a respecto da lingua fica totalmente incumprida na maioría dos casos e as e os galegofalantes vense desprezados e obrigados a esixir o respecto polos nosos dereitos lingüísticos ou a facer uso do español para axilizar determinados trámites coma un casamento, a realización de exames sen opción en galego para traballar en empresas coma Correos...
Por moito que na Carta Europea das Linguas ou na Constitución Española se recolle que ningunha persoa será discriminada por razón de lingua o certo é que tódolos días no noso país coñecemos casos de discriminación polo uso do galego. Malia que nos últimos naos se tivese avanzado na aprobación de leis que camiñaran cara a normalización do noso idioma a realidade é que son poucos os mecanismos que se veñan articulado para que se leven á práctica e é pouca a vontade política de quen ten a responsabilidade de efectivizalas e velar polo seu cumprimento. Despois do cambio de goberno na Xunta do Partido Popular seguimos sen visualizar un compromiso claro de non repetir os erros da anterior política lingüística pro parte do PSOE na Dirección Xeral de Política Lingüística que é o departamento competente para impulsa-la normalización do galego. Consideramos que a aprobación de decretos como o Decreto do uso da lingua galega no ensino 124/2007 son positivos pero non son suficientes, pois o cumprimento de que no ensino secundario se imparta como mínimo a metade do horario lectivo en galego dista moito de ser realidade na práctica totalidade dos centros de ensino. Medidas como a creación das Galescolas para a escolarización en galego de nenas e nenos de 0-3 anos ou outras iniciativas impulsadas polo BNG deben ser o camiño a seguir para o impulso do galego dende as administracións públicas.
Dende Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, sempre defendimos o nosos dereito a poder desenvolve-la nosa vida en galego e reivindicamos o dereito de todas e todos os galegos a utiliza-la nosa lingua en calquera ámbito sen ningunha traba ou discriminación, no ensino, no lecer, no traballo, no deporte, nos medios de comunicación, na rede... Por iso, convidámoste a que participes connosco deste obxectivo porque o mellor xeito de contribuír á normalización da nosa lingua a nível colectivo é tamén o compromiso de cada un de nós a nível individual durante tódolos días do ano, utilizando o glaego de xeito consciente e esixindo o cumprimento da lexislación para a súa normalización. Xa que logo, animámoste a que te sumes a nós.
Atrévete coa nosa lingua. Na Galiza, sempre en galego!
Domingo 18: MANIFESTACIÓN
Polo dereito a vivirmos en galego
12.00h na Alameda de Santiago
Galiza Nova Culleredo apoia o manifesto Polo dereito a vivirmos en galego. 18 de Maio: Todos a Manifestación!
0 Comments Published maio 15th, 2008 in NovasManifesto: POLO DEREITO A VIVIRMOS EN GALEGO
As persoas e entidades que apoiamos a manifestación nacional “Polo dereito a vivirmos en galego” este 18 de maio de 2008, declaramos:
1- Consideramos que vivir en galego é un dereito inalienábel das persoas na Galiza, e un dos dereitos humanos elementais que temos como pobo. Lembramos que o galego é o único idioma natural de Galiza, e que mesmo o Estatuto de Autonomía o cualifica como “a lingua propia” do país, o que nos une como galegas e como galegos. O pobo galego ten dereito a que a súa lingua ocupe todos os ámbitos da vida social propios de calquera idioma, con dignidade e con normalidade.
2- Consecuentemente, deben existir as garantías para podermos vivir en galego, o que exixe compromisos, así como a aplicación e a adopción das disposicións legais necesarias por parte das Administracións públicas.
3- Denunciamos e alertamos contra os que, apuntándose agora á defensa dun suposto bilingüismo, un bilingüismo dunha soa cara, pretenden unicamente o mantemento da diglosia e a desaparición do galego. Ou, o que é o mesmo, a negación do dereito colectivo á normalidade de usos da nosa lingua en todos os ámbitos.
4- Chamamos ao compromiso persoal de todas e todos coa lingua galega. Usémola en todos os ámbitos: comezando pola familia, coas nosas nenas e nenos, no noso traballo, nas relacións coa administración, no noso tempo de lecer, etc. O futuro do galego depende de nós.
Lembra que o vindeiro domingo 18 de maio esta grande manifestación partirá ás 12 do mediodía da Alameda de Santiago de Compostela e finalizará na praza da Quintana.



